Clientelismo e irregularidades na política de persoal no Concello de Cuntis

Xa temos explicado noutras ocasións as graves deficiencias da xestión económica do Goberno Municipal de Cuntis, que sitúan ao Concello na delicada situación de incumprimento da regra fiscal de estabilidade orzamentaria (-793.543,10 €), a regra de gasto (-121.283,60 €), un remanente de tesourería negativo (-563.312,95 €), un aforro neto negativo e o incumprimento do Período Medio de Pago a Provedores. Todo isto segundo o informe técnico de Intervención Municipal relativo á última Conta Xeral liquidada. De novo botando man dos informes técnicos de Intervención e Secretaría, explicaremos a política de persoal que vén mantendo o PSOE dende que ostenta a Alcaldía, que non podemos cualificar doutro xeito máis que de irregular e caciquil. Iremos por partes.

A Relación de Postos de Traballo

O Concello de Cuntis mantén sen aprobar unha Relación de Postos de Traballo (RPT) imprescindible para a organización óptima do persoal. É o documento técnico que establece e describe os postos de traballo que son necesarios e sobre o que unha Administración Pública deseña a súa estrutura de persoal para adaptala ás necesidades da prestación dos servizos públicos (tanto internamente como cara á cidadanía). É, xa que logo, o eixo sobre o que pivota a xestión de recursos humanos e debe aprobarse de acordo coa representación sindical dos/as traballadores/as. Malia ser considerada como unha prioridade obxectiva dende comezos da lexislatura pasada, esta é unha mostra máis da incapacidade do equipo de goberno no relativo á xestión interna. Ter unha RPT actualizada e adaptada ás necesidades do concello é fundamental para unha prestación de servizos eficiente.

As vacantes

Nos últimos anos, o Goberno Municipal vén incluíndo no Orzamento unha serie de postos de traballo vacantes coa súa correspondente partida económica. É dicir, reserva crédito para pagar postos de traballo que non existen, e que reiteradamente evita convocar. No caso do actual orzamento, consígnanse as seguintes vacantes:

  • Técnico/a Xestión Intervención (A2)
  • Alguacil Porteiro/a (AP)
  • Policía (C1)
  • TRES operarios/as de servizos múltiples
  • Fomento do Emprego
  • DOUS/DÚAS oficial de servizos múltiples

Estes postos de traballo contan con asignación orzamentaria e precisarían dun concurso público para a súa incorporación, xa que se entende que é necesaria ao estaren reflexados no orzamento a iniciativa do propio Goberno. A non convocatoria destes postos de traballo permítelle ao Alcalde dispoñer dese crédito para contratar, mediante outros procedementos, o persoal que el decida en función dos seus intereses puntuais. Estes outros procedementos poden ser contratos temporais da Deputación de Pontevedra que vemos como se van prorrogando de maneira confusa e opaca en función de criterios moi discutibles. En resumo: en vez de convocar os postos de traballo que corresponde para crear emprego público de calidade, o Alcalde aplica unha política clientelar de emprego precario mediante a vinculación do crédito reservado para as vacantes. Desta maneira, algúns dos postos de traballo do Concello de Cuntis responden máis a intereses particulares do Goberno Local que ás necesidades de prestación dos servizos públicos. Esta conclusión non a tira Veciñanza, senón que se pode constatar á vista dos informes técnicos de Intervención e Secretaría, como deseguido detallaremos.

A publicidade das ofertas de emprego

Os contratos temporais subvencionados pola Deputación de Pontevedra celébranse en base a procedementos habitualmente opacos. Nos últimos anos levamos visto como se convocaban concursos publicitados un ano antes con cargo a subvencións do ano anterior ou como a eses concursos se presentaban unicamente un número moi reducido e concreto de persoas, e vemos como en moitos casos son puros rituais para prorrogar a relación laboral de traballadores/as que enlazan distintas modalidades de contratación case ata o infinito.

Vemos tamén como os perfís en redes sociais do concello (OFICIAIS e PÚBLICOS) ou as omnipresentes notas de prensa de Alcaldía non adoitan difundir as convocatorias deste tipo de ofertas de traballo, cando un dos principios elementais do emprego público é a publicidade da súa convocatoria. O escurantismo e a opacidade son sinais características da política de persoal do Goberno Municipal do PSOE de Cuntis. Pero isto non é novo. Para algunhas cousas, os anos 90 aínda non remataron.

“Son os propios datos e informes técnicos o maior problema deste Goberno, que os ignora sistematicamente desprezando as consecuencias que poida chegar a ter este tipo de xestión”

Exemplos prácticos

O pasado 25 de febreiro o Alcalde decidía, mediante decreto de alcaldía, a continuidade laboral de tres persoas contratadas o ano anterior ao abeiro de fondos da Deputación de Pontevedra, malia que esa subvención rematara o 31 de decembro. Esa decisión conta cos informes contrarios de Secretaría e Intervención, motivo polo cal o Alcalde ten que botar man do recurso do Levantamento de Reparo de Intervención, un procedemento que xa vén sendo habitual para esquivar as obxeccións técnicas que reciben as decisións que non se axustan á normativa. Veciñanza solicitou coñecer os informes de Secretaría e Intervención, e isto é o que sinalan:

O servizo de Intervención Municipal refírese á parte económica do procedemento, e di:

“2. Consta no expediente unha primeira prórroga xa informada [negativamente] pola Intervención municipal do 28/12/2020.
3. En relación aos aspectos xurídicos e procedimentais, existe informe da Secretaría municipal do 28/12/2020 e así mesmo do 25/02/2021 que literalmente, entre outras, di: “A provisión de CATORCE postos de persoal laboral temporal, ao amparo do disposto nas Bases do Plan Provincial de cooperación as obras e servizos de competencia municipal para o exercicio 2020 da Deputación de Pontevedra, publicadas no BOP número 1 do día 2 de xaneiro de 2020.”, entendese que os citados contratos, os cales están subvencionados, terán como data de punto e final, como máximo, o 31 de decembro de 2020; data na cal deberá causar baixa a relación laboral dos traballadores co Concello de Cuntis; e polo tanto, salvo mellor criterio fundado en dereito, non podería continuar. Reitérome pois no informe que esta secretaría emitiu o día 28/12/2020.”
“RESULTADO DA FISCALIZACIÓN:
Fiscalizado de desconformidade ou con reparos. A Intervención manifesta a existencia de crédito orzamentario pero en desacordo co fondo ou forma dos actos, contidos eles no informe da secretaría municipal”

Pola súa banda, o informe de Secretaría Municipal fai referencia ao aspecto técnico do procedemento, e di:

No caso que nos ocupa, non se resolverían necesidades de persoal urxentes senón de natureza permanente”.
Isto contradí os motivos expostos polo alcalde no decreto de prórroga da relación laboral no que argumenta a necesidade deses postos de traballo por mor da pandemia do coronavirus, mesturando todo co incremento de accidentes de tráfico pola inclemencias meteorolóxicas do inverno (dito isto a 25 de febreiro), a regulación do tráfico no entorno dos centros públicos de ensino ou para o correcto mantemento dos viais de titularidade municipal.

A xestión interna do Goberno Local de Cuntis non só se ve contrariada polos informes técnicos e os datos reais en materia económica, senón noutros ámbitos como por exemplo o de persoal. Son os propios datos e informes técnicos o maior problema deste Goberno, que os ignora sistematicamente desprezando as consecuencias que poida chegar a ter este tipo de xestión. O emprego público de calidade e a aprobación dunha RPT son fundamentais para unha prestación de servizos adecuada e debidamente regulada. Cuntis non merece que se perpetúe o clientelismo do século pasado que tanto caracterizou outras épocas do PSOE, pero que semella non ter evolucionado.

Share

Tamén pode gustarche...

1 resposta

  1. 9 Abril, 2021

    […] A segunda delas ten relación coa política de persoal do Concello de Cuntis, e expuxémola do seguinte […]